Preguntas frecuentes

  • 1/1/70 1:00 AM

No ámbito da propiedade industrial, que se entende por falsificación e pirataría?

Con carácter xenérico, a falsificación refírese a aqueles actos que supoñan unha vulneración de dereitos de Propiedade Industrial e, a pirataría, agrupa todos aqueles actos que lesionen un dereito de Propiedade Intelectual. Este conxunto de actividades ilícitas pode comprender a fabricación, comercialización, o ofrecemento e/ou posta no comercio, a importación e exportación dos produtos ou servizos obxecto de falsificación ou pirataría.

Con carácter específico, o dereito aduaneiro comunitario define as mercadorías falsificadas como segue: as mercadorías, incluído o seu acondicionamento, signos de marca (logotipo, etiqueta, folleto, manual de emprego, documento de garantía) e embalaxes, mesmo presentados por separado, nos que figure sen autorización unha marca idéntica a outra validamente rexistrada ou que non poida distinguirse dela nos seus aspectos esenciais e que, polo tanto, vulnere os dereitos do titular da marca. Así mesmo, constitúen mercadorías falsificados: as mercadorías que sexan ou que conteñan copias fabricadas sen o consentimento do titular dos dereitos de autor ou os dereitos afíns ou do titular dun dereito sobre debuxo ou modelo.

Como actuar ante a distribución no comercio electrónico de produtos falsificados?

Se ten vostede sospeitas de distribución a través de redes informáticas de produtos ou servizos "falsos" pode poñerse en contacto coas Unidades especializadas da Policía e da Garda Civil que pode encontrar vostede no apartado de SOFRES VULNERACIÓN DA TÚA MARCA/DESEÑO/PATENTE/MODELO DE UTILIDADE? deste mesmo portal.

Ante quen se poden denunciar posibles falsificacións de produtos ou servizos amparados por un dereito de propiedade industrial?

Para a presentación de denuncias relacionadas con usurpación de dereitos de Propiedade Industrial, recórdase a posibilidade de acudir á Policía Nacional (091) ou Municipal (092). Do mesmo xeito para a presentación deste tipo de denuncias pódese acudir ao servizo máis próximo da Garda Civil ou contactar co 062.

A denuncia poderá formalizarse ben por escrito, ben verbalmente en forma de declaración, na que deberá facerse constar a identidade do denunciante así como cantas noticias se teñan sobre o feito e as súas circunstancias, datos estes de grande axuda á hora de orientar e dar celeridade á actuación das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

Tamén pode poñer unha denuncia por vía telefónica no 902 102 112, despois terá que ir asinala para que se ratifique. Dando todos os datos do caso e achegando todas as probas que poida solicitar. Pode encontrar información ampliada en www.policia.es

Podo comercializar en España un obxecto ou produto amparado por un dereito de propiedade industrial rexistrado noutro país?

 Hai que distinguir 2 supostos:

  • Produtos protexidos nun Estado dos comprendidos no Espazo Económico Europeo (EEE) e comercializados nese ou outro país dentro deste ámbito xurídico territorial. Por aplicación da figura xurídica do esgotamento do dereito admitida no Dereito da Unión Europea, si se pode comercializar en España un produto protexido por un dereito de propiedade industrial e adquirido lexitimamente nese outro Estado do EEE por un dereito de propiedade industrial, sempre que fose comercializado por primeira vez no EEE polo titular do dereito ou co seu consentimento.

Non obstante o anterior, na nosa Lei de marcas (Lei 17/2001, do 7 de decembro) salvagárdase o dereito do titular a opoñerse á comercialización ulterior dos produtos cando teña motivos lexítimos que o xustifiquen, en especial cando o estado destes se modifique ou se alterase tras a súa comercialización.

Hai que facer a advertencia de que, aínda existindo os principios de libre circulación de mercadorías e de esgotamento de dereitos de propiedade industrial no ámbito comunitario, pode producirse unha limitación á comercialización de determinados produtos por aplicación doutras disposicións legais non pertencentes ao ámbito da propiedade industrial.

  • Produtos importados dende países non membros do EEE. Ha de terse en conta, en primeiro lugar, que o devandito produto pode estar protexido mediante unha ou varias das modalidades de protección da propiedade industrial: patente, modelo de utilidade, marca ou deseño industrial.

Dado que os dereitos de propiedade industrial confiren ao seu titular, basicamente, o dereito exclusivo á fabricación, o ofrecemento, a introdución no comercio, a importación e exportación así como a posesión ou almacenamento dos produtos protexidos para algún dos fins mencionados, estando lexitimado para prohibir a terceiros calquera dos indicados usos sen o seu consentimento, é requisito previo á citada comercialización solicitar autorización ao titular rexistral dos dereitos que se é o caso protexan o produto obxecto de importación e futura comercialización nese territorio.

Como sei se un produto está protexido por algún dereito de Propiedade Industrial?

Para efecto de coñecer se o produto a comercializar está protexido por algún dereito de propiedade industrial infórmase que a O.E.P.M dispón dun conxunto de Bases de Datos de acceso gratuíto en www.oepm.es:

Bases de datos de marcas e nomes comerciais

Bases de datos de invencións

Bases de datos de deseños

Bases de datos de expedientes

a través das cales os usuarios teñen a posibilidade de acceder, tanto á consulta do LOCALIZADOR DE MARCAS, para coñecer se existe algún dereito de marca dentro da Unión Europea, coma á situación xurídica dos expedientes (SITUACIÓN DE EXPEDIENTES) e aos datos bibliográficos dos Modelos, Debuxos e Deseños Industriais e das Patentes e Modelos de Utilidade (INVENES) así como de patentes a nivel internacional (esp@cenet).

Así mesmo, dispón dunha serie de Servizos de Información Tecnolóxica, que facilitan logo de pagamento da taxa correspondente, unha variedade de Informes en todas as modalidades de propiedade industrial que sirvan para dar resposta ás distintas necesidades que se requiren hoxe en día. Para máis información, suxerímoslle que se poña en contacto coa Oficina de Difusión difusion@oepm.es.

Vou comercializar o meu produto na Unión Europea, para evitar problemas sería conveniente rexistrar a propiedade industrial deste no ámbito comunitario?

Se ben o Espazo Económico Europeo rexe o principio de libre circulación de mercadorías, é moi conveniente, sempre que sexa posible, ser titular a nivel comunitario do dereito de propiedade industrial correspondente, xa que dado o carácter territorial dos dereitos de propiedade industrial, naqueles países onde non se teña recoñecido o dereito non cabe impedir o uso deste por terceiros.

A Oficina de Propiedade Intelectual da Unión Europea coñecida polas súas siglas en inglés, EUIPO, con sede en Alacant, é a competente para a concesión e rexistro na Unión Europea de marcas e deseños comunitarios.

Ligazón á súa páxina web EUIPO, con bases de datos para busca previa de marcas da Unión Europea e debuxos comunitarios.

Para protexer a súa patente ou modelo de utilidade en Europa consulte Patente Europea.

Que é o esgotamento do dereito?

A doutrina do esgotamento de dereito foi asumida no Dereito da Unión Europea, sendo trasladada paulatinamente ao réxime xurídico regulador da propiedade industrial dos Estados membros.

En España este concepto vén regulamentado no artigo 61 da Lei de patentes, artigo 36 da Lei de marcas e o artigo 49 da Lei de protección xurídica do deseño industrial.

Enténdese por esgotamento do dereito o límite imposto ao titular, que non pode exercer o seu dereito fronte a terceiros unha vez que o produto protexido pola patente marca ou deseño foi posto no comercio no Espazo Económico Europeo polo devandito titular do dereito rexistrado ou co seu consentimento.

Debo de actuar en caso de ser vítima de delito contra dereitos de propiedade industrial ou non fai falta por ser perseguible de oficio?

  • No mercado español: se ben o delito é perseguible de oficio, cabe a posibilidade, e así se recomenda, de levar a cabo a correspondente denuncia. Ademais, a intervención do titular é necesaria para determinar o carácter falso ou xenuíno dos produtos incautados.

Para máis información sobre como denunciar visitar o apartado DEFÉNDETE E DENUNCIA deste portal.

  • En fronteiras aduaneiras: sen prexuízo da actuación de oficio por parte das Autoridades Aduaneiras, en virtude da habilitación que lles outorga a normativa comunitaria vixente, os interesados poderán tamén presentar demanda de intervención para a retención de mercadorías sospeitosas de vulnerar dereitos de propiedade industrial, as cales deberán ir dirixidas á Subdirección Xeral de Xestión Aduaneira pertencente ao Departamento de Aduanas e Impostos Especiais. Avenida de Llano Castellano 17. 28071 - Madrid.

Pódese obter máis información no enderezo de correo electrónico: denunciasvigilanciaaduanera@correo.aeat.es

© Oficina Española de Patentes y Marcas, 2019

Este sitio web utiliza cookies propias para ofrecer un mejor servicio. Si continúa navegando consideramos que acepta su uso. Encontrará más información en nuestra Política de Cookies.

OK | Más información